Este libro se encuentra descatalogado en la editorial por lo que no va a poder comprarlo nuevo. Sólo podemos ofrecerle los ejemplares que han puesto a la venta otros vendedores, si no realizas hoy la compra no podemos garantizar que mañana siga a la venta.
O Diccionario dos Seres Míticos Galegos é unha viaxe a través da mitoloxía galega, asentada na oralidade dos devanceiros e, daquela, un libro de consulta práctico, útil e fermoso ó tempo, pero tamén é unha viaxe que atravesa páxinas de forte contido narrativo e lectura amena, entretida e divertida. Co rigor dun diccionario e o feitizo dunha novela apaixonante, este libro constitúe unha das máis importantes aportacións ó patrimonio cultural galego nos últimos anos. Nas 710 entradas das que consta o Diccionario dos Seres Míticos Galegos pode o lector atoparse con xente cativa, xigantes, olláparos, ananos, xacias, sereas, xerpas, rabenos, encantos, lamias, lavandeiras; entrar no pazo dos mouros e conversar coa Mourindade; roubar o peite da moura; recoller carbóns que se convertan nun tesouro; sufrir con paciencia a trasnos, diaños e tardos; durmir con Pedro Chosco; ter medo da Estadea, ou oír os contos de María Castaña. O lector deste singular e único diccionario poderá visitar as tumbas de Orcavella e a Raíña Lupa; asaltará casas con Pepa a Loba; beberá na fonte de Ana Manana; voará con meigas, chuchonas e nubeiros; correrá sete parroquias cos lobishomes; verá como Deus crea demos e anxos; asombrarase con lobos, cobras, dragóns, basiliscos, cocas, unicornios; navegará no Bergantín Pantasma; andará os camiños coas ánimas da Compaña; tremerá na noite ó escoitar o Paxaro da Morte; enfrontarase co Can Negro, co Lobo Branco, coa Peregrina, coa Zarrulada, co urco e coa pastoriña; visitará cidades asolagadas e enterradas, como Antioquía, Lucerna ou Valverde, Pozos Peagos e entradas do inferno, Camiños ó Alén e Cabos do mundo; coñecerá os cocos, tales como o home do saco, o sacaúntos, Maríamanta, a meiga dos dentes verdes, o zampón e o orco; lerá o Ciprianillo e desatoará decididamente o saco para pillar os biosbardos. Para atopalos, só hai que abrilo por calquera páxina. A obra, editada de forma moi coidadosa, encadernada en cartoné, con fita punto de lectura e sobrecuberta de papel de algodón a catro cores, vai acompañada de 16 extraordinarias láminas despregables a toda cor. A presente edición foi todo un fito para a edición en lingua galega. Acompaña a edición do Diccionario unha exposición, Habitantes imaxinarios, que recolle en trinta e dous cadros parte do materi
Antonio Reigosa (Zoñán, Mondoñedo 1958) é escritor, investigador e divulgador da nosa cultura popular. Cronista oficial de Mondoñedo. Traballa como responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística Provincial de Lugo. Cofundador de Chaira, grupo de Investigación Etnográfica, ten participado en proxectos de investigación sobre literatura oral. Tamén é coautor, xunto con Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba, do "Dicionario dos Seres Míticos Galegos" (Xerais 1998) e dos vinte volumes dos contos da colección Cabalo Buligán (Xerais 1998-2003) recollidos da tradición oral. Así mesmo, é coautor dos volumes "Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega" (Xerais 2001), "Pequena mitoloxía de Galicia" (Xerais 2001), "Cando os animais falaban" (Xerais 2002), "Arrepíos e outros medos" (Xerais 2004) e "Antoloxía do conto galego de tradición oral" (2002). Xunto coa ilustradora Noemí López, publicou os álbums "Guía ilustrada da Galicia invisible" (Xerais 2010) e "Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal" (Xerais 2011). Como autor de literatura infantil publicou: "Memorias dun raposo" (Xerais 1998), novela, Premio Merlín; "Resalgario" (Xerais 2001), novela, Premio Raíña Lupa de literatura infantil 2000; "O galo avisado e o raposo trampulleiro" (Xerais 2003); "Bacoriño" (Xerais 2004); "O aprendiz de home do saco" (Xerais 2013) e "O raposo aviador que voa sen motor" (Xerais 2019). En 2014 preparou a edición de "Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías", e xunto con Antonio García Teijeiro publicou "Lendo lendas, digo versos" (Xerais, 2015), Premio Gala do Libro Galego 2016 (Iniciativa Bibliográfica) e Lista de Honra do IBBY, 2018.