A punta de pistola ábrese cunha escena de ritmo trepidante: un delincuente de pouca monta, coñecido como O Varas, e a súa muller, Rica, acoden a un Centro de Acollida Familiar para ver os seus fillos, baixo a tutela dos servizos sociais. Unha vez alí, secuéstranos e lévanos a punta de pistola. Así comeza unha frenética fuxida. Ao tempo, outra historia transcorre en paralelo: a dunha camioneira emprendedora, culta e licenciada, que conduce e escribe nun blog. A camioneira, admiradora da vida da fisterrá Celia Rivas, a primeira muller en conducir un camión, en 1932, supón un contrapunto máis intimista á desenfreada fuxida que protagoniza a parella de secuestradores. Moita acción, planos cinematográficos, novas tecnoloxías, o papel da muller e a desestruturación social, familiar e educativa son algúns dos eixos que vertebran esta novela que está baseada nun feito real e logra atrapar os lectores e lectoras.
Cuatro lunas 3. Votos de sangre
Milo y la indomable Nivalan continúan su viaje hacia el norte, donde el invierno acecha.
Fran Alonso (Vigo, 1963) comezou a súa traxectoria como escritor ao gañar o Premio Blanco Amor de Novela en 1991 con «Tráiler» (Xerais). Desde entón publicou novelas, libros de relatos, poesía, literatura infantil, xuvenil e libros de xornalismo. A súa obra está guiada sempre por unha actitude innovadora. En 1994 publicou o libro de relatos «Cemiterio de elefantes» (Xerais, 1994) e logo viñeron a novela «Silencio» (1995-Xerais, 2014), «O brillo dos elefantes» (Xerais, 1999), «Males de cabeza» (Xerais, 2001), «Cartas de amor» (Xerais, 2006), «Ninguén» (Xerais, 2011) e «A punta de pistola» (Xerais 2012), que foi XII Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, así como as biografías «A vida secreta de María Mariño» (Xerais, 2007), «Folerpas de Novoneyra» (Xerais, 2010) e «A voz que vén da seitura» (libro-CD, 2007). No ámbito do xornalismo, publicou os libros «Territorio ocupado» (Xerais, 1998), «Un país a medio facer» (Xerais, 2008) e «Contesta ou disparo» (e-book, 2011). A súa obra poética deuse a coñecer coa publicación, en 1992, de «Persianas, pedramol e outros nervios» (1992), ao que seguiron «Tortillas para os obreiros» (1996), «Cidades» (Xerais, 1997), «Subversións» (Xerais, 2001), «Balada solitaria» (2004), «O meu gato é un poeta» (libro-CD, Xerais, 2011), «Poemas birollos para ler cos ollos» (Xerais, 2016), «Terraza» (Xerais, 2017), «Transición» (libro-CD, 2011) e «Véndoche un poema» (2025). Tamén é autor da coñecida antoloxía «Poetízate» (Xerais, 2006), que se converteu nun best-seller, e dos álbums ilustrados «A casa da duna» (Xerais, 2002) e «A araña e mais eu» (2009). En 2021 publica o ensaio para lectorado infantil e xuvenil «Douche a miña palabra (Xerais, 2021). Así mesmo é colaborador de diversos medios de comunicación, activista a favor da lectura, realizou o deseño e ilustracións dalgúns dos seus libros e leva a cabo diversos espectáculos poéticos. A súa obra está traducida a varias linguas.