O señor Galván, príncipe das terras do norte, compañeiro de Artur nos reinos da Bretaña, viaxa máis alá da xeografía e do tempo e, como aquel Merlín de Cunqueiro, aparece entre nós, pois é acaso o destino de todos aqueles señores e cabaleiros do Graal e das antigas fazañas. Novela de humor e de amor, de aventuras e de tenrura, homenaxe ós antigos mesteres da narrativa cabaleiresca e medieval que o autor (tradutor de «A divina comedia» de Dante e do «Cancioneiro» de Petrarca, entre outros textos) tan ben coñece. A palabra na súa medida xusta, o idioma en todo o seu frescor e galanura, a imaxe lírica ben medida para que non apague a historia senón que a potencie e enleve. Estas son as artes e as sabedorías de Darío Xohán Cabana.
Tres historias que exploran la intimidad, la memoria y las sombras que nos habitan
Darío Xohán Cabana (Roás, 1952) traballou en Edicións Castrelos, foi liberado sindical, garda municipal e, finalmente, funcionario do Concello de Lugo. Desde 1987 elaborou o encrucillado galego diario en «La Voz de Galicia», foi membro do Consello de Redacción de «A Trabe de Ouro» e académico numerario da Real Academia Galega desde o 2006. Como poeta obtivo, entre outros, os premios Cidade de Ourense (1982 e 1986), Celso Emilio Ferreiro (1983 e 1986) e Martín Códax (1994). É autor de distintos libros de poesía, reunidos no volume «Vinte cadernos. Poemas 1969-2002» (Xerais, 2003), e de «Cabalgada na brétema» (2006). Galardoado tamén como narrador, destacan «Galván en Saor» (Premio Xerais de novela, 1989), un clásico da literatura galega recente; «Fortunato de Trasmundi» (Xerais, 1990); «Vidas senlleiras» (Premio Cidade de Lugo, Xerais, 1992), a partir dun seu conto, fíxose a película «A mariñeira» (Antón Dobao, 2008); «O cervo na torre» (Premio Xerais de novela, 1994), «Morte de rei» (Xerais, 1996) e «Mitos e memorias» (Xerais, 2003). Escribiu tamén para o público infantil e xuvenil «As aventuras de Breogán Folgueira» (Xerais, 1990), «Chucho Cacho» (Xerais, 1994), «As viaxes do príncipe azul» (1993), etc. En 1991 foille outorgada a Medalla de Ouro da cidade de Florencia pola súa tradución d'«A divina comedia» de Dante. É autor, ademais, de antoloxías, guías, traballos historiográficos e biografías como «A chegada a Lugo do primeiro tren» (2005) ou «Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra» (Xerais, 2008). A súa traxectoria biográfica está recollida no libro «Conversas con Darío Xohán Cabana. Vida e escrita» (Xerais, 2007). Nos seus últimos anos dedicouse fundamentalmente á tradución: os trobadores occitanos, de novo Petrarca e Dante (2011, 2012 e 2014) e varias novelas francesas. «A música das palabras. De lingua e literatura, 1990-2021» (Xerais, 2022), é unha recompilación de pequenos ensaios en forma de artigos e conferencias. Morreu o 16 de novembro de 2021 deixando máis de 50 libros publicados e unha inmensidade de ideas, palabras e proxectos na gabeta.